NATI JUNCAL PORTAS comeza a súa carreira audiovisual en 2005. Tras varios anos adicada á produción, fórmase na New York Film Academy e na Raindance London School en cursos especializados en produción de cinema. Foi seleccionada para participar no EAVE @Santiago de Compostela (2018) e no programa EuroDoc (2020) para produtores europeos de documental.
Como produtora freelance traballou en proxectos audiovisuais tanto para cine como televisión en multitude de produtoras: Vaca Films, Zeitun Filmes, Fílmika Galaika, Atlantis Multimedia, Zenit Televisión, Avalon, CTV, Producciones Zopilote e Filmanova, entre outras. Nos últimos anos involucrouse en varios proxectos de cine de autor sendo Directora de produción da longametraxes Lúa Vermella de Lois Patiño (Zeitun Films), estreada na sección Forum da Berlinale 2020; e Xefa de produción dos filmes Longa Noite e Eles Transportan a morte (Fílmika Galaika) a primeira dirixida por Eloy Enciso, foi estreada en Locarno 2019 e, a segunda de Helena Girón e Samuel M. Delgado está actualmente en posprodución. En 2021 ocupouse da Dirección de produción do filme Matria de Álvaro Gago (Matriuska Producciones, Avalon PC, Ringo Media) e A foreign song de César Souto (Matriuska Producciones).
Dende 2007 colabora coa directora Sonia Méndez encargándose da produción das súas curtametraxes Leo y Mario (se dejan) (2010), As damas negras (2012), Conversa cunha muller morta (2012), Ei, guapa! (2016) e a serie web Angélica & Roberta (2010-2013). En 2018 ambas fundan Cósmica Producións SL, onde exerce a produción executiva dos seguintes títulos:
Antes de Perder (Sonia Méndez, 2019) Serieweb emitida en Playz-RTVE. Premiada co Mestre Mateo á mellor serie web en 2020 e seleccionada no Festival Buenos Aires Series (Competencia Internacional series cortas)
A Poeta Analfabeta (Sonia Méndez, 2020) Documental sobre a poeta e activista galega Luz Fandiño. Estreado no festival Cineuropa de Santiago de Compostela 2020 e que actualmente está en proceso de distribución por festivais.
O neno sardiña (Lucía Estévez, 2022) Curtametraxe en fase de distribución, que terá a súa estrea no FICX 60, Festival Internacional de Cine de Gijón, e que recibiu a axuda a produción da AGADIC.
As Neves (Sonia Méndez) Longametraxe de ficción en distribución, seleccionada nos prestixiosos laboratorios de escrita e desenvolvemento de guión Torino Film Lab Next e Sources 2.
A Muller Borrada (Sonia Méndez e Daniel D. García) Documental de creación en desenvolvemento co que participou no programa EuroDoc 2020 para produtores europeos de documentais.
As Defensas (Lucía Estévez) Longametraxe de ficción en desenvolvemento, que recibiu una subvención da AGADIC para ese fin.
SONIA MÉNDEZ conta con máis de vinte anos de experiencia profesional en diferentes ámbitos relacionados co audiovisual: dirección, guión, actuación e produción. Tamén ten longa experiencia na xestión de equipos creativos e de traballo. A súa formación é multidisciplinar, así se forma en diferentes escolas e ámbitos: Espazo Aberto (Compostela), Centre de Estudis Cinematográfics (Barcelona), Interpretación e Arte Dramática (USC), Escola Internacional de Cinema e TV de CUBA ( EICTV) e Escola de Imaxe e Son da Coruña ( EIS).
Dirixe, guioniza e produce as curtametraxes: Perversa Lola, Leo y Mario (se dejan), Café-Bar Santos Peluquería, Ei, guapa! para a longametraxe colectiva Visións da Deputación de Pontevedra, As damas negras e Conversa cunha muller morta. Estas últimas premiadas co premio Mestre Mateo a Mellor Curtametraxe nos anos 2011 e 2012 entre múltiples premios e distincións. Crea, coguioniza e interpreta a serie web Angélica & Roberta, Mestre Mateo a Mellor Webserie no ano 2012. No ano 2019 dirixe e coguioniza a gala dos premios do audiovisual galego e as pezas promocionais de Viaxeiros Do Futuro para a CRTVG.
Traballa como actriz en diversas series como Serramoura, Os Atlánticos ou Terras de Miranda para a CRTVG, Cuéntame para TVE ou El Vecino de Netflix e en longametraxes como Olvido e León e Rafael, ambas de Xavier Bermúdez, O Sexo dos Anxos de Xavier Villaverde ou Por min e por todos os meus compañeiros de Judas Diz.
Desde o ano 2014 idea e dirixe o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, primeiro festival de series web e contidos dixitais do estado.
No ano 2018 funda a produtora audiovisual Cósmica Producións xunto a Nati Juncal Portas. Xa con Cósmica dirixe e guioniza a serie Antes de Perder para Playz-RTVE que tamén foi premiada co Mestre Mateo a mellor serie web en 2020 e a longametraxe documental A Poeta Analfabeta sobre a poeta, feminista e activista galega Luz Fandiño, estreado no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela, premios CREA a Mellor Dirección na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e que está actualmente en distribución.
Acaba de rematar a primeira longametraxe de ficción As Neves que recibiu a axuda ao desenvolvemento e de produción de Agadic e de ICAA e foi seleccionado para participar nos prestixiosos laboratorios de guión de Torino Film Lab Next e Sources2. Tamén está a desenvolver o documental A Muller Borrada seleccionado no EuroDoc 2020 e traballou como presentadora no programa Galicia de 20 a 20 de Voz Audiovisual para CRTVG.
É vicepresidenta da Academia Audiovisual Galega, membro da Asociación de Directores e Directora de Galicia (CREA) e da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).
Foi distinguida co premio Mulleres no Foco da Diputación de Pontevedra e CIMA na súa primeira edición.